Monday 20 de May de 2024

A Coruña amosa hoxe as súas posibilidades como receptora de turismo MICE


 

Un grupo de hosted buyers internacionais visita diversos recintos e reúnese con empresarios locais vinculados ao turismo de reunións, incentivos e congresos

A Coruña ensina os seus recursos e potencialidades para o sector do turismo de reunións, incentivos, congresos e eventos cunha acción preparada desde o Clúster Turismo de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia – Axencia de Turismo de Galicia.

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia inaugurou esta mañá en Palexco o workshop no que 10 profesionais internacionais reuníronse con empresarios da cidade do sector MICE, que puideron presentar así as súas propostas e firmas.

O grupo de hosted buyers internacionais, chegados desde Reino Unido, Francia, Portugal e outros puntos de España, comezou despois unha visita pola cidade; con paseo teatralizado guiado por Sir John Moore e máis María Pita; e visitas a distintos emprazamentos coma EXPOCoruña, o restaurante Árbore da Veira ou o Museo MEGA.

Mañá a actividade deste grupo desprázase a Santiago de Compostela, onde efectuarán novas reunións de traballo na Cidade da Cultura. En Santiago tamén han visitar o Hotel Oca Puerta del Camino; Hotel Spa Quinta da Auga; a Nave 5 do Mercado de Abastos; o Parador Hostal dos Reis Católicos; e o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Ademais, efectuarán un tramo do Camiño de Santiago, para terminares visitando o Pórtico da Gloria, na Catedral.

Da banda galega, nas reunión de traballo participarán uns 50 profesionais de campos como a organización de eventos, hotelaría, recintos, solucións tecnolóxicas, restauración, azafatas, animación, audiovisuais, cátering, traslados, montaxes…

Festa do sector MICE de Galicia

No Palacio de Congresos e Exposicións celebrarase mañá, dende as 20:00 horas, a Festa do Sector MICE de Galicia; unha celebración e presentación na que se reivindicará a importancia deste eido e poderanse coñecer datos da súa incidencia na economía galega.

Este evento é a primeira vez que se celebra e están convidadas todas as empresas e actores galegos que del participan, directa ou indirectamente.

A marca Galicia MICE agrupa os profesionais galegos do turismo de congresos, reunións e incentivos. Actualmente está a realizar un estudo que quere facer unha diagnose da súa situación, aumentares a súa visibilidade e creares un marco acaído para a súa expansión e mellora.

O meirande obxectivo de Galicia MICE é procurar un adecuado encadramento de Galicia coma destino de congresos e eventos de todas as dimensións.

Galicia MICE naceu no 2016. Confórmana OPC Galicia (Organizadores Profesionais de Congresos), a Asociación de Palacios de Congresos de Galicia, HOSPECO (Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña), ASEHOPO (Asociación de Empresarios de Hospedaxe da provincia de Pontevedra) e AGAFE (Asociación Galega de Feiras e Eventos).

Ademais do estudo xa mencionado, promove outras iniciativas como guías ou o desenrolo do portal web https://galiciamice.com/, onde é posible informarse das posibilidades e recursos que ofrece Galicia.